Foreign language anxiety

Ola, compañeiras e compañeiros! Son Alejandro e esta é a miña primeira entrada no blog para a asignatura de As Linguas Estranxeiras no Contexto Español e Internacional. Correspóndese ao Tema 1.

Gustaríame comezar coa miña opinión sobre a docencia no Tema 1: O ensino de linguas no presente modelo educativo. Vou comezar cunha crítica, e intentarei que sexa construtiva. Si ben é certo que toda a información que recibín sobre todas as leis dende comezo do século XX ata a actualidade pareceume moi interesante, sentinme un pouco «infoxicado». Presentóuseme tal cantidade de información que chegou un punto no que non fun capaz de conectar. Todo o que se dicía era pertinente, pero quizais sería mellor (dende o meu punto de vista) a utilización dunhas diapositivas un pouco máis variadas e con menos cantidade de texto escrito. Realmente agradecería máis menos cantidade de información presentada dun xeito distinto.

Un cronograma de elaboración propia de las últimas leyes de educación
Un cronograma de elaboración propia das últimas leis de educación.

Por outra banda, gustoume moito a actividade que fixemos de adiviñar a que lei pertencía cada frase, xa que me decatei de que o ensino non cambiou moito dende a época da revolución industrial. Isto é a proba de que todo o discurso innovador e fantástico da LOMLOE non é máis que unha quimera e que a acción comeza en nós, os futuros/as docentes. Polo tanto, ese día saín da clase decidido a intentar romper (dentro das miñas posibilidades) un pouco co estilo de docencia no que o profesorado está nunha tarima, nunha posición superior ao alumnado.

Tamén me gustou a actividade de improvisar unha tarefa cun obxecto. Ao meu grupo tocáronnos uns móbiles de tapa e estou moi contento coa actividade que deseñamos: creamos uns guións para que o alumnado fixese un role-play (usando os teléfonos meramente como pretexto). Pero non foi un role-play calquera, senón que deseñamos situacións que consideramos útiles para a vida real e que a nós nunca nos mencionaron no ensino: unha entrevista de traballo, unha consulta médica por teléfono, unha reserva nun restaurante... Ademais, tivemos unha idea brillante para evitar que o alumnado quedase en branco durante a conversa: a cada parte da conversa démoslle unha lista de palabras que tiñan que dicir obrigatoriamente. Por exemplo, na entrevista de traballo o entrevistador tiña que dicir «virtudes, defectos, expectativas» mentres que o entrevistado tiña que dicir «salario, horario, entrar, saír, fin de semana, vacacións».  A miña conclusión foi que só fai falta un pouco de ganas e de creatividade para ser un docente innovador, e que non hai nada que nos obrigue a seguir as liñas de acción dos nosos predecesores. Cheguei a casa moi motivado e dinme de conta do potencial que tiña calquera obxecto para chamar a atención do alumnado e estimulalo.

En retrospectiva e tendo en conta o meu punto de vista como alumno, teño claro que non vou recordar unha diapositiva das 148 do PDF da unidade 1. En cambio, esta pequena actividade que acabo de describir fixo un «clic» en min. Cando sexa profesor, intentarei facer actividades que fagan «clic» no meu alumnado.

Durante a sesión tamén abordamos algúns conceptos que eu descoñecía. Entre eles, estaba foreign language anxiety (ansiedade provocada por unha lingua estranxeira). Decidín investigar un pouco, xa que é de utilidade coñecer o concepto se nun futuro imos ser docentes de linguas.

Comecemos cun pouco de contextualización teórica. O consenso na comunidade investigadora é que a ansiedade provocada por unha lingua estranxeira tense que estudar dende a perspectiva dunha ansiedade vinculada a unha situación específica. E isto que quere dicir? Pois basicamente que non é unha transferencia dunha ansiedade preexistente no suxeito ao ámbito das linguas (por exemplo, unha persoa que ten ansiedade cando fala en público tamén a ten cando esa situación se dá en inglés). Gardner (1985), na súa obra Social psychology and second language learning explica que esta ansiedade vincúlase unicamente ao contexto da aprendizaxe da segunda lingua.

Isto implica que calquera alumno ou alumna é susceptible de atoparse nesta situación, polo que debemos prestarlle especial atención. Ademais, diversos estudos atoparon unha correlación negativa entre a presenza desta ansiedade e as notas do alumnado. Entre eles destacan:

Que significa esta correlación? Pois algo bastante evidente: que o alumnado con este tipo de ansiedade obtén peores resultados nas súas probas de linguas estranxeiras. Entre as causas máis destacadas, atópase a comparación co resto do alumnado, a necesidade de recibir aprobación por parte do profesorado e a realización de exames escritos.

Dito isto, que podemos facer nós como docentes para axudar ao alumnado que estea nesta situación? 

O primeiro é ser conscientes da existencia deste tipo de ansiedade (espero que esta publicación contribúa á concienciación). Aínda que cada persoa é un mundo, hai diversas técnicas que podemos aplicar. Entre as opción máis destacables, atópase a aportación de formación adicional, coma unha titoría ou unha sesión orientada á xestión deste tipo de emoción. Outra opción, por exemplo, sería recomendar ao alumnado que aumente a súa exposición á lingua estranxeira.


REFERENCIAS

Horwitz, E. K., Horwitz, M. B., & Cope, J. (1986). Foreign Language Classroom Anxiety. The Modern Language Journal, 70(2), 125–132. https://doi.org/10.2307/327317)

Aida, Y. (1994). Examination of Horwitz, Horwitz, and Cope’s Construct of ForeignLanguage Anxiety: The Case of Students of JapaneseThe Modern Language Journal, 78(2), 155–168. https://doi.org/10.2307/329005

Rodríguez, M., & Abreu, O. (2003). The Stability of General Foreign Language ClassroomAnxiety across English and French. The Modern Language Journal, 87(3), 365–374. http://www.jstor.org/stable/1192960


Comentarios


  1. Ola, Alejandro, unhas reflexións ben interesantes. Por unha banda, tamén me pareceu moi revelador que pese a que haxa tantas leis ao final son «o mesmo can con distinto nome», ademais é sorprendente que aspectos que semellan tan innovadores foran xa tratados a comezos do século pasado só que con outra linguaxe. Con isto chego á (triste) conclusión de que é algo máis político que unha preocupación por mellorar a ensinanza. Por outra banda, o concepto de «language anxiety» tampouco o coñecía. Coma ti dis creo que é importante que o profesorado (e o alumnado) sexan conscientes da súa existencia (doutro xeito como afrontalo?). Penso, ademais, que pode estar relacionado co modo de enfocar a docencia. É dicir, se se fomenta máis un achegamento e un ensino máis práctico, pode haber unha mellora na confianza do propio alumnado e entre docente e alumnado e, polo tanto, podería ser un bo punto de partida para diminuíla.

    ResponderEliminar
  2. Ola, Alejandro!
    Paréceme moi boa reflexión a túa en canto a como saíches desa sesión tras darte conta de que ao fin, por moita normativa que exista, nós, os/as docentes seremos a peza fundamental neste proceso. Eu sentín o mesmo e así espero cumprilo.
    En canto á ansiedade a aprender outra lingua estranxeira, é evidente que a nosas materias (francés e inglés lingua estranxeira) serán nas que máis se reflictirá isto. Nós debemos ser conscientes desta problemática e adaptar as nosas sesións a todo tipo de alumnado. Considero que é posible e que finalmente mesmo lles pode acabar gustando esa lingua.
    Moi boa entrada, Alejandro :)

    ResponderEliminar
  3. Mensaxe recibida! 🤣 Peeero, teño que recordar que na aula vimos a versión reducida desas 148 diapositivas... (no mesmo documento está a versión máis extensa para o alumnado que non ven as aulas e a versión reducida para quen está na aula e o facemos como discusión). 44 de 148 non está tan mal, non? De todas formas, acepto crítica porque se nos poñemos buscar, coas diapositivas dos temas do MECR coido que saio perdendo!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Presentación 3,2,1