Bo día, compañeiros e compañeiras. Esta é a miña entrada correspondente ao
tema 11 da materia de Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras,
impartido por Cristina. Este tema foi un pouco máis breve en comparación co
anterior, o tema 3. Ocupou as aulas do día 17 e do día 19 de xaneiro.
O día 17 foi máis ben introdutorio para falar sobre nocións e conceptos relacionados
coa avaliación inicial, formativa e a final. Comezamos cunha definición básica
de avaliación, que é unha recollida sistemática de datos para tomar decisións
no proceso de ensino-aprendizaxe. Outro concepto que abordamos é o de
avaliación inicial ou diagnóstica. A súa importancia reside, principalmente, en
que serve para coñecer mellor a situación do noso grupo aula e así poder
concretar mellor os nosos obxectivos.
Algo moi relevante é a importancia da avaliación formativa, xa que esta
consiste no feedback continuo. Este feedback axuda ao profesor a
mellorar o ensino, para poder ver as dificultades do alumnado. Tamén é útil
para o alumnado, porque así é consciente das súas fortalezas e debilidades.
A avaliación formativa (assessment for learning) supón a evolución da avaliación tradicional (assessment of learning).
Así, quedamos cunha definición polo miúdo da avaliación formativa: A avaliación formativa refírese ao abano de procedementos e ferramentas que empregan o profesorado e o alumnado de forma continua para obter, analizar e usar información sobre os coñecementos e habilidades do alumnado coa finalidade de tomar decisións que favorezan o progreso na súa aprendizaxe. (Wiliam 2018:48).
Despois, falamos en grupos sobre distintos tipos de feedback. Tivemos que
comparar as seguintes opcións:
- Notas / cualificacións (Numéricas e verbais)
- Comentarios por escrito
- Descritores de competencia e listas de control
- Informes de progreso
- Reunións
Decatámonos de que cando damos un feedback que se basea nunha nota, o alumnado só valorara o número, sen reflexionar sobre a súa aprendizaxe. Polo tanto, chegamos á conclusión de que deberiamos intentar dar un feedback en forma de comentario. Este comentario fará que o alumnado poida reflexionar e razoar sobre o que fixo ben e mal, para poder aplicalo no futuro. Outros aspectos que comentamos é que o feedback no debe nin loar os esforzos nin castigar os erros: o máis importante é que dea lugar á reflexión. Tamén pensamos na importancia de evitar que o feedback poida ser unha fonte de humillación ante o resto da clase. Outro aspecto a ter en conta é que as reunións poden ser moi útiles e que, aínda que non é realista pretender ter moitas reunións con todo o alumnado durante o curso porque requiren moito tempo, a súa boa xestión dá lugar a un feedback moi beneficioso. Unha idea que tivemos para aforrar tempo sería mandar breves notas de audio ao alumnado que así o necesite para darlles certa información que consideramos necesitan coñecer.
Aquí vos deixo un vídeo moi interesante cunhas ideas sobre como dar un feedback do mellor xeito posible:
Tamén tratamos os conceptos de autoavaliación e coavaliación. En pequenos
grupos, discutimos as posibles vantaxes ou dificultades que pode ter a
autoavaliación. O maior problema que se nos ocorreu foi que pode intimidar ao estudante e que, ademais, poden non ser obxectivos
pensando que quizais se son moi críticos, a súa nota final será peor.
Porén, chegamos á conclusión de que, aínda que supón traballo para o docente e
para o alumnado, ao final é beneficioso para ambos. O máis importante é que
sexamos claros cos nosos alumnos e alumnas sobre o que queremos.
Para reflexionar sobre a avaliación formativa, tivemos que organizar unha serie de beneficios que aporta en función da importancia que lle outorgaramos. No meu grupo, por orde de importancia, os beneficios da avaliación formativa son:
- As actividades do día a día son a base da avaliación
- O profesorado recibe información sobre os puntos fortes e débiles do alumnado de forma múltiple e a través de actividades auténticas
- Pode mostrar o progreso do alumnado a través das mostras e documentación recollida
- É un reflexo real do que se fai en clase
- Pode dar información máis aló da académica sobre o alumnado
- Non interfire coas clases
- Non se necesitan días adicionais para os exames
Unha boa avaliación debe ser transparente, ter obxectivos claros, ser
consciente, obter medidas múltiples e proporcionar feedback descritivo. Hai
moitos instrumentos de avaliación, pero as rúbricas, se están ben deseñadas,
poden ser moi útiles. As rúbricas son unha serie de criterios que inclúe criterios
con descricións en función dos niveis de calidade. O positivo é que non xulgan,
senón que serven para describir un proceso ou un produto.
Unha rúbrica ten 3 partes: os criterios, a súa descrición e a escala de
clasificación na que se insiren. Entre os consellos máis útiles, está o do uso
da linguaxe clara e sinxela e o uso da primeira persoa.
Para practicar a creación de rúbricas, utilizamos a nosa actividade de mediación que creamos para o tema 3.
Como se pode ver, utilizamos unha rúbrica con tres niveis (o 1 sendo o inferior e o 3 o superior) e con catro criterios. Foi moi interesante, xa que durante a realización da rúbrica a docente facíanos no documento compartido con ela moitas correccións con respecto á nosa redaccións das descricións. Por exemplo, estabamos a utilizar moitos adxectivos demasiado subxectivos que non eran claros. Tamén aprendemos que era importante evitar os enunciados negativos e palabras como aceptable ou axeitado. Tamén foi importante redactar utilizando unha linguaxe que poida ser comprendida facilmente polo alumnado.
Para concluír, tivemos que pensar como acadariamos a avaliación formativa.
Adxunto as nosas respostas
·
Como imos aclarar, compartir e comprender as intencións da
aprendizaxe e os criterios de avaliación?
Para asegurarnos de que o alumnado saiba o que esperamos, amosarémoslle a rúbrica antes da realización da actividade. Desta maneira o alumnado estará informado do obxectivo da actividade.
·
Como imos obter evidencia de que a aprendizaxe está a ter lugar?
Como persoal docente poderemos evidenciar a aprendizaxe a través da observación na aula Tamén se podería realizar unha actividade do mesmo tipo máis adiante e despois medila coa mesma rúbrica para comparar o progreso do alumnado.
·
De que forma imos proporcionar feedback?
Para avaliar esta actividade creamos unha rúbrica. Polo tanto, levaremos a cabo unha reunión con
cada grupo de traballo. Para aforrar tempo, reunirémonos con cada grupo mentres o alumnado fai traballo autónomo. Deste xeito, explicaremos a nosa decisión en canto a cada apartado da rúbrica.
·
Como imos aproveitar a coavaliación como axuda para a
aprendizaxe?
Aproveitaremos a coavaliación para potenciar o espíritu crítico do alumnado partindo da concepción do erro como parte da aprendizaxe. Todos poden aprender dos erros dos outros.
·
Como imos facer que cada alumno sexa responsable da súa
aprendizaxe?
Cada persona será consciente da súa propia aprendizaxe ao observar que o obxectiv da actividade se cumpre e que entre todos e todas as persoas do grupo se se filtra correctamente a información poderase conseguir a fin comunicativa requerida no enunciado da actividade.
Para min, este tema foi moi útil. Agora teño máis claro como debería ser o proceso de avaliación e moitas ferramentas para intentar levar a cabo unha avaliación formativa de calidade. Gustaríame rematar a miña entrada cunha recomendación para os meus compañeiros/as: que intenten ser docentes que conseguen traballar nun marco de educación positiva. A educación positiva é un modelo que fomenta unha contorna segura para o alumnado que impulsa o desenvolvemento do alumnado. Neste artigo podedes ver máis.
Moi boas, Alejandro!
ResponderEliminarEstou de acordo contigo con que grazas a este tema aprendemos moitos aspectos importantes sobre a avaliación, especialmente sobre a avaliación formativa; tan importante e tan pouco empregada (ou mal empregada) nas aulas, así como unha chea de recursos e ferramentas que podemos empregar como docentes co noso alumnado e favorecer a súa aprendizaxe.
É moi interesante ademáis entender (e facerlle entender ao alumnado) que un bo feedback é aquel que non vai acompañado ou presidido por unha nota numérica, senón que o mellor feedback é un comentario no que se expoñan tanto os aspectos positivos coma os que se deban mellorar.
A túa entrada pareceume moi agradable de ler e penso que achegaches unhas ligazóns de moita utilidade. Parabéns!
Saúdos :)
Hola, Alejandro!
ResponderEliminarGustoume moito a túa entrada. Paréceme que está moi ben organizada de acordo cos contidos explicados na aula.
Paréceme moi interesante e necesario o feito de dar a coñecer, como ti fixeches co artigo sobre o modelo de educación positiva, distintas propostas que sirvan de ferramentas para intentar incrementar a calidade da educación. Gustoume, sobre todo, porque se fai fincapé nunha educación que inclúa aspectos que considero importantes como son a educación emocional e en distintos valores como a autoestima ou a motivación, que non só axudan ao alumnado a crecer no ámbito académico, senón no persoal.
Na miña opinión, grazas a este tipo de iniciativas, a calidade educativa foi aumentando pouco a pouco nos últimos anos. Aínda así, queda moito por percorrer, isto é, na teoría é verdade que o panorama mellorou moito, na práctica, queda moito traballo. Só espero que modelos así non queden só na teoría e poidan ser aproveitados por moitos alumnos e alumnas.
Grazas pola entrada!
Ola, Alejandro! Que gusto ler a túa entrada! Interesante, organizada e con recursos (que agora xa son meus...). A avaliación formativa é importante, moi útil, pero pouco coñecida, e para poñela en práctica o profesorado ten que formarse, cousa que ata agora non existe (exisitía). No que concirne ao feedback, pola miña banda, nunca pensei que podía haber tantas formas e penso que o mellor é facer unha mistura para que o alumnado poida aproveitarse de todos eles.
ResponderEliminarTocante á avaliación, nunca pensara na importancia dunha rúbrica ben feita. Nela, hai que poñer todo polo miudo e sobre todo, algo moi importante, os criterios teñen que estar redactados en positivo!
Para min, foi un tema moi importante para a nosa futura profesión. Sáudos!