Durante a terceira sesión falamos do desenvolvemento das competencias. Con respecto ás competencias comunicativas, a parte das competencias pragmáticas pareceume especialmente interesante. Por iso decidín indagar nalgúns conceptos que chamaron a miña atención: competencia pragmática e o principio de cooperación de Grice.
Competencia pragmática
Segundo o Volume Complementario do MCER, a competencia pragmática refírese á propia utilización da lingua cando se elabora un texto escrito ou oral. Principalmente, a competencia pragmática pode medirse polo dominio do usuario/a de tres competencias:
1) Competencia discursiva: como se organizan, estruturan e ordenan as mensaxes.
2) Competencia funcional: como se utilizan as mensaxes para realizar funcións comunicativas.
3) Competencia organizativa: como se suceden as mensaxes segundo esquemas de interacción e transacción.
Nesta entrada voume centrar na primeira, na competencia discursiva, que é a
capacidade de elaborar textos. Esta competencia mídese con tres escalas:
«Desenvolvemento temático», «Coherencia e cohesión» e «Quendas de palabra».
Con respecto ao desenvolvemento temático, é a presentación lóxica de ideas nun texto no que se relacionan entre elas cunha estrutura retórica clara e con convencións discursivas relevantes. Nos niveis máis baixos plásmase a través de contar historias ou relatos. Despois avánzase a desenvolver un texto dando puntos de vista de xeito adecuado. Por último, nos niveis superiores espérase que o alumnado sexa quen de desenvolver un argumento.
A coherencia e a cohesión son a integración de diversos elementos textuais
nun conxunto coherente a través de mecanismos lingüísticos como a referencia,
elipse, o uso de conectores e marcadores do discurso, etc. Nesta escala
destaca o uso de conectores lóxicos e temporais para enlazar elementos, o uso
de parágrafos para marcar a estrutura do texto e, nos niveis superiores, a
variedade no uso de mecanismos de cohesión.
A última escala é a das quendas de palabra. Refírese á habilidade para tomar iniciativa no discurso. É dicir, vese reflexada na capacidade do alumnado para iniciar, manter e finalizar conversacións. É precisamente esta última escala a que me leva ao principio de cooperación de Grice.
Na clase presentóusenos o concepto a través deste vídeo de Splunge,
un programa de risa da TVE de principios dos anos 2000. Como se pode apreciar
no vídeo, a rapaza mantén unha conversa co chico pero pasa algo raro. O
chico interpreta todas as preguntas de forma literal, e acaba por aborrecela.
A chica quere saber onde hai unha panadería e vai preguntarlle. O quid da
cuestión é que son descoñecidos, polo que a moza decide utilizar preguntas a
modo de cortesía para non ser moi directa: «¿Sabes si hay alguna panadería
cerca de aquí?». Isto é, concretamente, un exemplo de cortesía negativa: evitar
un comportamento que pode resultar ameazante, como se podería considerar unha
orde directa: «Dime dónde hay una panadería».
Este tipo de normas de cortesía varían en función da cultura e, se se
interpretan de forma literal, é moi fácil que dean lugar a malentendidos. O
que nos fai gracia é que os dous protagonistas pertencen á mesma cultura, polo
que parece absurdo que o home non sexa capaz de inferir que ela quere saber
onde está a panadería sen soar moi directa.
Xa que me pareceu un fenómeno moi curioso, quixen descubrir que é o que fai
que unha resposta sexa a esperada en situacións deste tipo: o principio de
cooperación de Grice
Figura 1 Adaptado de Urbina Fonturbel, Raúl (2016). Ejercicios para trabajar las teorías de Grice. Pragmática UBU. La web de Pragmática de la Universidad de Burgos.
Un principio de cooperación é un suposto de intercambio comunicativo no que se
espera unha determinada conducta por parte dos interlocutores, é dicir, é unha
guía para os interlocutores na conversa.
Foi o filósofo americano H. P. Grice quen acuñou este modelo pragmático. Trátase
dun principio non normativo que é aceptado tacitamente polos participantes da
conversa. Segundo o autor hai unha lóxica que actúa e rexe a conversa mediante
uns mecanismos responsables de regular a interpretación de enunciados. Dentro
desta interpretación está a información implícita, é dicir, a que non se di de
xeito directo.
Grice resume o que deberían facer ambas partes dunha conversa para que haxa
cooperación e se permita a comunicación:
«Make your conversational contribution such as is
required, at the stage at which it occurs, by the accepted purpose or direction
of the talk exchange in which you are engaged» (1989, 26).
E para conseguir que a comunicación ocorra nas mellores condicións, que
podemos facer? Brice enunciou catro máximas:
- Máxima de cantidade: os interlocutores deben aportar toda a información que sexa posible e nunca dar máis información da necesaria.
- Máxima de modo: os interlocutores deben ser claros, concisos e seguir unha orde. Hai que evitar a ambigüidade e a escuridade de expresión.
- Máxima de relación: os interlocutores deben ser relevantes e facer contribucións pertinentes na conversa.
- Máxima de calidade: os interlocutores deben ser sinceros e evitar información falsa ou que non sexa demostrable.
A modo de clarificación, podemos aplicar este principio ao exemplo do vídeo mencionado anteriormente. Nesta situación cotiá a moza incumpre varias máximas, polo que a conversa non funciona. Un exemplo é a máxima de modo, que non se cumpre porque as preguntas que fai son moi indirectas e dan lugar a confusión. En cambio, o rapaz segue as máximas en todo momento. Por exemplo, cando a rapaza di «¿te importaría decirme dónde está?», el contesta «no, no me importaría». A miña interpretación é que a moza non cumpre as máximas de Grice, mentres que o rapaz non domina os mecanismos responsables de interpretar a información implícita.
Eu opino que estas máximas son pertinentes
para situacións formais ou en medios de comunicación, pero que moitas veces
non funcionan nunha situación máis informal, coma a do vídeo. E vós, pensades
que estas máximas teñen que seguirse sempre na conversa, ou que son máis
pertinentes nalgúns contextos que outros?
REFERENCIAS
Cervantes, C. C. V. (s. f.). CVC. Diccionario de términos clave de ELE. Principio de cooperación. https://bit.ly/3Bb7uZg
Grice, H. P. (1975). «Logic and conversation». En P. Cole y J. L. Morgan (eds.). Syntax and Semantic. Speech Acts. Nueva York: Academic Press, pp. 41-58.
Grice, H. P. (1989). Studies in the way of words. Cambridge, MA: Harvard University Press.
Urbina Fonturbel, Raúl (2016). Ejercicios para trabajar las teorías de Grice. Pragmática UBU. La web de Pragmática de la Universidad de Burgos.
Comentarios
Publicar un comentario