Diario:
O tema 5 da materia As linguas Estranxeiras no Contexto Español e
Internacional centrouse no deseño curricular base para as linguas estranxeiras.
Cabe mencionar que durante as primeiras sesións da clase centrámonos en diversos elementos
conceptuais teóricos que xa coñecíamos da nosa materia do módulo común Deseño
Curricular e Organización de Centros, pero as repasamos para consolidalas.
Así, o primeiro día (7 de novembro) repasamos os tipos de avaliación que existen, as competencias chave e os rangos das normas lexislativas que existen (as leis orgánicas, os reais decretos, as ordes, etc.) Tamén fixemos un diversas actividades no ordenador coa aplicación wooclap.com.
Na captura está a proba de que realmente me axudou a consolidar os meus
coñecementos sobre os elementos do currículo: fun quen de acertar todas as
definicións!
Na segunda sesión (o día 14 de novembro) dominou unha dinámica práctica.
Dividímonos en «minigrupos» de tres persoas (eu traballei con Pablo García e
Tais Rego, por exemplo). O que fixemos foi repartir entre toda a clase como se tratan os
distintos elementos do currículo en relación as linguas estranxeiras nos
documentos legais da ESO, Bacharelato e FP. A primeira parte foi de
documentación pura. Por exemplo, no noso «minigrupo» tivemos que investigar
sobre as linguas estranxeiras no currículo de bacharelato, en aspectos como
obxectivos da etapa, principios pedagóxicos, atención á diversidade, nas
competencias chave, etc. Polo tanto, creamos un documento compartido no que os
tres integrantes do grupo nos repartimos estes elementos. Neste documento
estaba Gonzalo que, cara á fin da sesión, deixounos uns comentarios sobre a
información que había que sintetizar. Despois, cada grupo (creo recordar que
había 6) elaborou unha breve presentación para compartir co resto da aula. Explicarei en máis detalle a nosa na parte de dossier desta entrada. Esta parte da materia pareceume
moi axeitada xa que tivemos a oportunidade de traballar co documento legal.
Así, nun proceso dinámico e protagonizado por nós, fun quen de familiarizarme cun texto que, a priori,
pode intimidar pola súa gran extensión. Non só iso, senón que grazas á división
do traballo entre toda a aula, puidemos aprender, da man dos nosos compañeiros
e compañeiras, sobre como se tratan as linguas estranxeiras no currículo das
tres etapas. A miña reflexión é que foi positivo.
Na sesión do 21 de novembro centrámonos no deseño curricular nas ensinanzas
de réxime especial, é dicir, as escolas oficiais de idiomas. Para empezar,
realizamos un think, pair and share no que cada pequeno grupo tiña que ler
o documento polo que se establece o currículo das linguas estranxeiras na EOI e
reflexionar sobre o que sabemos (ou descoñecemos) dese elemento. Despois,
realizamos unha presentación de diapositivas na que toda a aula participaba coa
parte do currículo que tiña que analizar. Falarei da participación do meu grupo
no apartado do dossier.
En conclusión, con respecto á primeira sesión na miña opinión a actividade máis útil foi de relacionar os elementos do currículo coa súa definición para así conseguir comprendelos mellor. A segunda sesión foi a que máis desfrutei. Deume a sensación de coñecer ben o currículo nun tempo bastante limitado. Con respecto á sesión do día 21, teño unha opinión positiva e unha negativa. Pareceume moi enriquecedor distribuír os contidos do currículo da EOI igual que se fixo cos currículos da ESO, Bacharelato e FP na tarefa 1, xa que manexamos bastante o documento legal e puidemos aprender moito das aportacións dos nosos compañeiros. Porén, pareceume frustrante o kahoot de adiviñar a distribución competencial entre Ministerio, Estado, CCAA e EOI xa que non estaba familiarizado cos termos, non entendía as preguntas e todo era tan rápido que non puiden asimilar moito do que ocorreu, así que pareceríame máis axeitado enfocar a actividade con outra perspectiva. Teño dúas propostas de mellora: aportar algo de información previa ou facer menos preguntas con máis tempo para ler e para debater despois. Porén, a presentación grupal si que me resultou de axuda.
Dossier:
Na sesión do día 7 de novembro
fixemos un pequeno debate en grupo no que falamos sobre os elementos sobre os
que os docentes temos máis capacidade de intervención. Primeiro, dividimos a
aula en catro grupos. Cada grupo tiña que establecer cales eran eses elementos
segundo eles e despois debatelo cun dos outros grupos. Despois dese primeiro
debate, acabamos con dúas posturas na aula e, outra vez, realizamos un debate
entre esas dúas posturas (que eran un consenso do que foron os catro grupos
iniciais). Ao final, a conclusión á que chegamos foi que temos máis capacidade
de intervención sobre as orientacións pedagóxicas, é dicir, a metodoloxía que
aplicamos. Tamén podemos complementar os contidos.
Na sesión do día 14 comezamos a realizar a tarefa 1, que consistía en realizar unha presentación sobre as linguas estranxeiras nos currículo da ESO, Bacharelato e FP. No meu grupo traballamos co currículo de bacharelato. Realizamos un proceso de documentación no Decreto 157/2022, de 15 de septiembre, por el que se establecen la ordenación y el currículo del bachillerato en la Comunidad Autónoma de Galicia. Despois de obter a información máis relevante, elaboramos unha breve presentación coa aplicación Google Slides para compartir o noso traballo coa clase.
Para empezar, ademais de falar dos propios contidos, fixemos un traballo de introspección no que reflexionamos sobre os obxectivos do noso traballo, a nosa metodoloxía e as competencias mobilizadas. Pareceume de grande utilidade xa que así fomos máis conscientes do noso proceso de traballo. Despois fixemos a presentación de xeito oral ante a clase e houbo algo que me gustou moito: cada grupo fixo unha breve autoavaliación (ao final da súa exposición) e depois, outro grupo avaliaba o noso traballo. Deste xeito, facíamos autoavaliación (nós mesmos), e recibíamos unha avaliación dos nosos compañeiros, que nos amosaban dende a súa perspectiva aspectos que nós quizais pasamos por alto. Tamén foi enriquecedor ser os que avaliaban a outro grupo, xa que lles puidemos dar a nosa perspectiva.
O día 21 centrámonos no currículo da EOI. Eu traballei no grupo de Pablo García e Tais Rego, e tivemos que indagar sobre dúas cuestións: a organización do nivel C1 e a administración das probas de certificación. No primeiro apartado tivemos que informarnos sobre cantas horas se lle dedican a cada idioma nese nivel. Había linguas ás que se lle daban 240 horas en dous cursos, e outras nas que se estudaban 120 horas durante un curso, polo que decidimos realizar un gráfico con canva para presentalo do xeito máis visual que se nos ocorreu.
Despois, o outro apartado era quen é o encargado de administrar as probas de certificación, polo que pensamos que a mellor presentación para unha información de marcado carácter xerárquico era unha pirámide:
Ola, Alejandro!
ResponderEliminarEstou totalmente de acordo contigo e coa túa reflexión positiva sobre o beneficioso que foi para nós tratar estos temas tan «alleos» a nós dun xeito tan dinámico nas aulas. Coido que eu tamén fun quen de familiarizarme un pouco máis co Currículo que tanto nos intimidaba, como ben dis, nas aulas das materias do módulo común.
A min tamén me gustou a división do traballo entre toda a aula, pareceume unha boa maneira de aprender cos nosos compañeiros e compañeiras sobre o tratamento das linguas estranxeiras no currículo das tres etapas, así como a autoavaliación e co-avaliación que tivemos que facer, xa que nos fixo reflexionar e ser críticos co noso traballo e co dos outros.
Até a próxima!
Ola, Alejandro. Canta verdade na túa refelxión! Foi todo moi dinámico, enriquecedor e positivo. Ata me fixeches pensar nas miñas sensacións e lembrei que, coma ti, no Kahoot, sentinme frustrada, moi frustada e, polo tanto, a túa suxestión é moi acertada. Non obstante, tamén penso que é a forma que ten o docente, nese caso Gonzalo, de avaliar os nosos conocementos. Un aplauso pola túa entrada, foi moi axeitada.
ResponderEliminar