O CAMBIO NO PARADIGMA DAS DESTREZAS

 Esta é a miña entrada correspondente ao Tema 2, na que decidín realizar unha ampliación da docencia sobre o Marco Común Europeo de Referencia.

Aínda que non eramos conscientes, a nosa xeración comezou a estudar baixo o modelo do MCER, xa que se publicou oficialmente no ano 2001. E se hai un concepto do que a rapazada que ía a academias de idiomas (non me inclúo, pero escoitaba aos meus compañeiros e compañeiras) era o de listening, speaking, reading e writing. Non cabía dúbida de que eran os catro alicerces da aprendizaxe de linguas. Tíñao tan interiorizado que nunca me atrevera a cuestionalo. O peor é que cando cho explican ten unha lóxica bastante convincente: temos dous planos, o oral e o escrito. Polo tanto, dentro do oral hai que saber entender (listening) e saber producir (speaking). Na escrita hai que saber entender (reading) e saber producir (writing).

Ai! A miña cara cando vin a Estrutura do esquema descriptivo do MCER:
















Figura 1:Estrutura do esquema descriptivo do MCER

Onde foron as 4 skills ou destrezas? Chamoume tanto a atención a estruturación actual que decidín investigar o que se denominan as actividades comunicativas da lingua: comprensión, expresión, interacción e mediación.

Comecemos por unha breve contextualización. Efectivamente, no Volume Complementario do Marco Común Europeo de Referencia para las Lenguas: Aprendizaje, Enseñanza, Evaluación, (2020) establécese un novo esquema descritivo do marco (a figura 1). O argumento é que «o modelo tradicional das catro destrezas (comprensión oral, expresión escrita, comprensión de lectura, expresión escrita) considérase cada vez máis inadecuado á hora de captar a complexa realidade da comunicación [...] A organización do MCER está máis próxima ao uso da lingua na vida real, que se baseA na interacción na que o significado coconstrúese». Vaia, que as catro destrezas son cousa do pasado. Polo tanto, vou realizar unha síntese das novas actividades: comprensión, expresión, interacción. Centrareime un pouco máis na mediación xa que supón maior novidade e resultoume máis interesante.

COMPRENSIÓN

A comprensión consiste en recibir e procesar información. Realízase en 3 situacións: comprensión oral, audiovisual e de lectura.













Figura 2 :Estrutura das actividades de comprensión


EXPRESIÓN

En canto á expresión, o marco comprende dous tipos de actividades: oral e escrita.


Figura 3 :Estrutura das actividades de expresión

INTERACCIÓN

 Insístese na importancia da interacción na aprendizaxe, xa que é a «orixe da linguaxe na súa forma interpersoal» . Divídese en tres categorías: oral, escrita e en liña.



Figura 4 :Estrutura das actividades de interacción

MEDIACIÓN

usuario tende pontes e facilita a construción ou transmisión de significados na mediación intermodal (de oral a signada, ou viceversa) ou interlingüística (dunha lingua a outra). As actividades divídense en 3 categorías: mediar textos, mediar conceptos e mediar a comunicación.

Figura 5 :Estrutura das actividades de mediación

A primeira categoría é mediar textos. Implica a transmisión a outra persoa de contidos aos que non ten acceso por barreiras lingüísticas, culturais, semánticas ou técnicas. A noción aplícase nunha interpretación interlingüística, pero tamén se amplía a súa concepción para referirse á mediación dirixida a un mesmo, por exemplo a toma de notas ou a análise crítica de textos. En canto a mediación de textos, hai sete subcategorías:

o   Transmitir información específica:

Consiste en extraer información relevante do texto meta e transmitila. Entre os conceptos clave está transmitir información sobre horarios, prezos, lugares a partir de documentos escritos; transmitir indicacións e instrucións e transmitir información específica de textos máis longos.

o   Explicar datos:

Consiste en transformar a información atopada en figuras nun texto verbal. Entre os conceptos clave está describir material gráfico sobre temas coñecidos; presentar tendencias nun gráfico; comentar gráficos de barras e seleccionar e interpretar a información máis relevante presentada nun gráfico.

o   Resumir e explicar textos:

Consiste en comprender información no texto fonte e transmitilo a un texto máis resumido. Implica resumir a información principal, extraer información e argumentos de distintas fontes e identificar o propósito e o punto de vista do texto orixinal.

o   Traducir un texto escrito

Facilitar de xeito espontáneo unha tradución oral dun texto escrito. Os obxectivos son dar unha tradución aproximada, captar a información esencial e os matices (en niveis superiores). Coma graduado de tradución gustaríame destacar a súa similitude coa tradución á vista, unha técnica de formación moi popular no eido da interpretación simultánea.

o   Tomar notas

Considérase que é unha habilidade fundamental na vida académica e profesional. Entre os conceptos clave, destaca a tipoloxía textual, os aspectos relacionados co orador, o xeito de toma de notas e a exactitude das anotacións.

o   Expresar unha reacción persoal a textos creativos

Consiste en describir o efecto que unha obra provoca no individuo: explicar o que lle interesou, describir os personaxes ou emocións, interpretar a obra.

o   Analizar e criticar textos creativos

É un enfoque máis habitual no ensino superior, con reaccións máis formais e intelectuais. Por exemplo, comparar obras, expresar unha opinión razoada sobre unha obra ou realizar unha avaliación crítica, por exemplo.

A segunda categoría é mediar conceptosRefírese ao proceso de facilitar coñecemento e conceptos a quen non poida acceder a eles por si mesmo. É un alicerce do ensino, da titorización, da aprendizaxe e do traballo colaborativo. A mediación de conceptos ten unha naturaleza dual: implica a construción e elaboración do significado a nivel individual pero tamén facilitar e estimular condicións adecuadas para o intercambio e desenvolvemento do coñecemento. Pode adoptarse a perspectiva da colaboración ou do  liderazgo nun grupo:

o   Colaborar nun grupo

§  Facilitar a interacción colaborativa entre compañeiros

O obxectivo é que o alumnado colabore mediante a xestión consciente do seu papel e das súas contribucións e que oriente activamente o traballo no grupo mediante preguntas, intervencións e quendas de palabra.

§  Colaborar na construción de coñecemento

Basicamente é como se promoven aportacións e ideas como membro dun grupo: construír ideas en conxunto, distribuír as tarefas, pedir explicacións ou resumir a situación e decidir os seguintes pasos.

o   Liderar o traballo en grupo

§  Xestionar a interacción

Nesta situación o alumnado ten que liderar a actividade comunicativa: dar instrucións, xestionar a comunicación ou reorientala mediante intervencións e apoiar a comunicación do grupo en función das súas necesidades.

§  Facilitar o discurso para construír o coñecemento

Implica fomentar que outra persoa constrúa un novo concepto de xeito activo formulando preguntas para estimular o razoamento lóxico e organizando as intervencións nun discurso lóxico e coherente. 

A terceira e última categoría é mediar a comunicación. Céntrase (aínda que non se limita) aos encontros persoais. Son situacións nas que hai que facilitar a comprensión ou moldear a comunicación dun xeito adecuado entre usuarios que parten de posturas diferentes, xa sexan individuais, socioculturais, sociolingüísticas ou intelectuais. Ten tres subcategorías: 

o   Facilitar o espazo para o entendemento pluricultural

É a capacidade para afrontar a «otredade»: usar preguntas e interesarte para comprender perspectivas culturais alleas, respectar estas culturas e tratar os malentendidos que xurdan de diferencias socioculturais.

o   Actuar coma intermediario

Aseméllase á actividade de interpretación pero non é profesional, é unha mediación na que o usuario plurilingüe media entre linguas e culturas en situacións informais dos ámbitos público, persoal, educativo ou profesional. Pode comunicar o sentido do discurso e transmitir información importante.

o   Facilitar a comunicación en situacións delicadas ou de desacordo

Aquí o usuario/a media en desacordos entre terceiras partes, nos que explorará de xeito consciente as distintas perspectivas, establecerá puntos de acordo e de consenso e logrará un cambio na perspectiva dun ou varios participantes para conseguir un acordo.

Creo que non se poden resumir mellor 70 páxinas do volume comprementario. Espero que vos sirva de axuda! Deixádeme un comentario se vos parece que esta estrutura é mellor ou peor que a de listening, speaking, reading writing!


REFERENCIAS

Consejo de Europa. (2018). Marco Común Europeo de Referencia para las lenguas: aprendizaje,                 enseñanza, evaluación. Volumen complementario. Estrasburgo: División de Política Educativa.
Consejo de Euopa. (2018) Marco Común Europeo de Referencia para las lenguas: aprendizaje, enseñanza, evaluación. Volumen complementario.Estrasburgo: División de Política Educativa.

Comentarios

  1. Moi boas, Alejandro
    Acabo de ler a túa entrada e a verdade é que coido que fixeches unha moi boa síntese do Volume Complementario. Para min, cando estaba estudando no instituto, as clases de inglés estruturábanse nos catro alicerces da aprendizaxe das linguas e de aí non saiamos. O caso, e o que me parece máis curioso, é que nunca reparara nin me fixeran reparar nesa lóxica estruturación en dous planos oral e escrito. Cando mo explicaron á hora de facer os exames na Alliance Française si que me pareceu bastante lóxico e nunca me parei a analizalo nin a pensalo críticamente.
    Certo é que estou de acordo contigo cando comentas que a «nova» estruturación do MCER está máis próxima ao uso da lingua na vida real xa que se basea na interacción na que se construe o significado.
    Unha entrada moi interesante e clara :)

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Presentación 3,2,1