TEMA 1 DIDÁCTICA

 

Bo día a todos e todas! Son Alejandro, e esta é a miña entrada correspondente ao dossier da materia Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras. Concretamente, centrareime no Tema 1: Situacións e variábeis de ensino das linguas estranxeiras. Este apartado da materia foi impartido polo docente Gonzalo Constenla. Este tema dividiuse en dúas sesións: a do día 9 de xaneiro e a do día 16 de xaneiro.

Con respecto á sesión do día 9 de xaneiro, centrámonos principalmente nas diferenzas que existen entre a aprendizaxe dunha lingua materna e dunha lingua estranxeira. Isto é o que se coñece coma contexto de adquisición. A introdución da noción de contexto de adquisición deu lugar á necesidade de establecer unha aclaración terminolóxica moi importante: a diferencia entre a lingua inicial e a estranxeira.

Na teoría, o que as diferencia basicamente é que a lingua inicial (ou materna/natal, aínda que non se recomenda maternal porque é ambiguo) adquírese antes da etapa escolar, de xeito inconsciente e sen propósitos explícitos. Cabe mencionar que se poden adquirir dúas linguas iniciais. En cambio, a lingua estranxeira adquírese exclusivamente nunha contorna escolar, polo que este proceso de adquisición é consciente e ten un propósito marcado.

Para reflexionarmos sobre estes conceptos, elaboramos un diagrama de Venn. Este tipo de diagramas son un recurso que serve para ilustrar de xeito gráfico a relación entre dous ámbitos. Dentro da súa tipoloxía hai tres categorías: círculos en superposición (overlapping circles), círculos dentro de círculos (circle within a circle) ou círculos separados (separate circles). Paréceme un recurso moi axeitado xa que dá lugar á interacción na clase durante un proceso comunicativo de debate e, ademais deste proceso dá como resultado un documento gráfico útil para o alumnado.

Para nós, o máis útil foi o uso do overlapping circle, porque estabamos ante dúas situacións de adquisición nas que cada unha tiña características inherentes, pero tamén había algunhas comúns. Gustoume moito a actividade xa que primeiro fixemos grupos de tres (eu traballei con Pablo García e Tais Rego), e despois fixemos un debate grupal. Así, primeiro creamos nós un diagrama, e despois xuntamos as ideas de toda a clase para acabar cun resultado final que incluía moitas cousas das que nós non nos decatáramos ao facer o noso.

Este foi o diagrama que fixemos no meu grupo. Na esquerda puxemos, en cor azul, as características exclusivas do contexto de adquisición da lingua materna ou inicial. Na dereita, en cor naranxa, as características inherentes do contexto de adquisición da lingua estranxeira. No centro, na zona onde están superpostas, as características comúns.

Despois dun debate final, todos os grupos compartimos as nosas ideas para crear a seguinte táboa.



























Pareceume unha actividade moi pertinente. Para comezar, reflexionamos sobre uns conceptos que, aparentemente, para a súa comprensión basta co sentido común. Porén, esta reflexión permitiume decatarme de que son máis complexos do que parecen. Opino que, se temos máis claras estas características poderemos aproveitalas como futuros docentes.

Durante a segunda sesión do tema 1, centrámonos nos contextos de uso e nos conceptos de repertorio lingüístico, comunidade de lingua e comunidade lingüística. Rematamos a clase coa realización dunha tarefa na que creamos o repertorio lingüístico total do noso grupo.

Con respecto aos contextos de uso, abordamos tres conceptos: lingua habitual, lingua de traballo e lingua vehicular. En resumo, a lingua habitual é a que falamos na maioría de contextos. É posible ter dúas, polo que habería unha situación de bilingüismo. A lingua de traballo é o medio de comunicación dunha empresa que se atopa en situacións nas que hai que comunicarse con persoas que falan diversas linguas. Pode ser unha empresa multinacional, un organismo internacional ou un estado plurilingüe. A vehicular (ou franca) é a que un grupo de falantes de linguas diferentes escollen como medio de comunicación para unha finalidade concreta.

Para reflexionar sobre estes conceptos, realizamos unha actividade cun placemat. O placemat é un instrumento para traballar en grupos para propiciar a discusión. Recoméndase que sexa con 4 usuarios. Consiste nunha estrutura como a da imaxe que aparece a continuación:

Cada persoa que conforma o grupo escribe a súa postura nunha das partes exteriores e, despois, hai que chegar a un consenso grupal para poñer o mesmo na parte central. Nós fixémolo con oito preguntas nas que había que decidir que linguas (habitual, vehicular, de traballo) se utilizaban nos seguintes contextos. Adxunto as preguntas e a miña resposta.

1. Na Unión Europea fálanse máis de 40 linguas distintas. Fálanse todas no parlamento?

Non, fálanse só as 24 linguas oficiais da UE

 

2. Na Unión Europea fálanse máis de 40 linguas distintas. Usa todas a Comisión Europea?

Inglés, francés, alemán, italiano y español. Son as de traballo da UE

 

3. Inditex ten 6913 tendas nos 5 continentes. Que lingua usa cos clientes? En que lingua se comunican as tendas coa central de Arteixo?

Cos clientes falarán a lingua habitual. Entre eles comunícanse cunha lingua de traballo, o inglés.

 

4. Citröen ten 13 fábricas en 7 países diferentes. En que linguas se comunican os responsábeis das fábricas entre sí?

Sería a lingua de traballo porque é unha empresa. Francés

 

5. Pedro é da Coruña e traballa no Zara de Marineda City. Aprendeu a falar en castelán. Que lingua falará cun cliente que lle fale en galego? E cun cliente que lle fale inglés?

Se lle fala en galego en galego porque é a súa lingua vehicular, inicial e é oficial en Galicia. Se lle falan en inglés, en inglés como lingua vehicular

 

 6. Unha profesora castelanfalante de historia nun centro de ensino público, en que lingua dará as súas aulas?

En castelán, porque as linguas vehiculares son as dúas oficiais (castelán e galego) e pode elexir.

 

7. Un grupo de erasmus de 5 países europeos diferentes saen de festa e teñen que decidir o local onde van ir tomar a primeira copa. Que lingua van usar?

Seguramente a inglesa, porque é a lingua vehicular en contextos académicos e internacionais.

 

8. Nunha feira de tecnoloxía dixital reúnense comerciais de 6 compañías de Francia, Bélxica, Costa de Marfil e España. En que lingua falarán entre si?

En francés. Establecerana como lingua de traballo porque é a habitual para todos menos España

No noso grupo elaboramos o placemat que aparece a continuación:

Para rematar, tratamos a importancia da concienciación do alumnado da presencia do plurilingüismo na nosa sociedade. Con aos conceptos previamente mencionados, definímolos. O repertorio lingüístico é o conxunto de elementos lingüísticos coñecidos por un falante ou comunidade de falantes: fonemas, palabras, variantes, variedades... A comunidade lingüística e a comunidade de falantes que comparte un repertorio lingüístico de base. A comunidade de lingua é a comunidade de falantes que comparte o coñecemento dunha mesma lingua ou variedade lingüística.

Despois destas aclaracións terminolóxicas, realizamos a tarefa de repertorio lingüístico. En pequenos grupos, elaboramos o noso repertorio lingüístico. É dicir, dentro de cada grupo fixemos, cada un, unha lista do noso repertorio lingüístico total individual. Despois, puxémolo en común para facer un repertorio grupal común. Ao final, traballando en conxunto con toda a clase fixemos o repertorio lingüístico da clase total, na que apuntamos todas as linguas e variedades lingüísticas que coñecemos todos. Tiñamos que clasificalas en nivel (básico, medio avanzado) e diferenciar entre coñecemento activo e pasivo. O resultado final foi, efectivamente, unha gran cantidade de linguas e variedades:

Por último, fixemos o repertorio grupal común. A premisa era que só se podía incluír unha lingua se TODO o mundo a dominaba nese nivel e nesa modalidade. Polo tanto, o resultado final foi moito menor: 
En resumo, o tema 1 pareceume moi axeitado, dado que tratáronse conceptos moi relevantes para a docencia de lingua estranxeira. Tamén cabe mencionar que os traballamos mediante ferramentas que nós mesmos podemos utilizar como docentes no futuro, como o placemat e o diagrama de Venn, polo que esos recursos tamén son útiles.



Comentarios

  1. Ola Alejandro! Moitas grazas pola túa entrada, eu non puiden asistir o primeiro día de aulas deste tema, e a túa explicación do contido que abordáchedes paréceme moi clara, e axudoume a entender cuestións que abordamos máis profundamente na seguinte sesión. Creo que o exercicio dos overlapping circles é unha forma de facer evidente dun xeito moi visual que á hora de aprender unha lingua estranxeira é esencial facer fincapé naquilo que comparte coa nosa ou nosas linguas iniciais e en todo o coñecido en que nos podemos apoiar para enfrentar o descoñecido.

    ResponderEliminar
  2. Ola, Alejandro:

    A verdade é que, como xa dixen nun blog anterior, este tema veu cargado de novas aprendizaxes malia ter unha relativa curta duración. Unha das cousas que máis me sorprendeu nun primeiro momento foi a consideración como ambiguo do termo "lingua materna"; ao comezo non comprendía o por que pero logo quedoume claro. Creo que unha das actividades máis interesantes que fixemos foi a dos repertorios lingüísticos, porque foi un xeito divertido e ameno de comprender estes novos termos, así como o nivel pasivo ou activo de falantes dunha lingua ou variedade. Ademais, foi moi curioso ver o repertorio lingüístico que atopamos na nosa aula, vaia tremenda variedade para sermos só unhas vinte persoas. Está claro que ninguén se equivocou á hora de escoller os seus estudos!

    ResponderEliminar
  3. Ola, Alejandro!
    Grazas pola túa entrada tan visual e tan clara.
    Opino o mesmo ca ti; por exemplo, a actividade que realizamos a partir do diagrama de Venn foi moi interesante. É dicir, deste xeito puidemos coeñecer este tipo de actividade e, ademais, tamén aprendemos sobre o proceso de adquisición dunha lingua estranxeira e materna.
    Porén, debo recoñecer que o repertorio lingüístico estivo ben para coñecer a diversidade lingüística, pero si que non aplicaría esta actividade en clase.
    Un saúdo!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Presentación 3,2,1