Diario:
O tema 6 da materia As Linguas Estranxeiras no Contexto Español e Internacional céntrase particularmente nas programacións didácticas vixentes. Mentres que o tema 5 desenvolveuse durante 3 aulas, neste tema tan só traballamos durante unha única sesión o día 12 de decembro.
Gustaríame sinalar que este tema paréceme moi importante e imprescindible. Realizar programacións e unidades didácticas é unha tarefa moi difícil e laboriosa e resúltame intimidante. Si, nós estudamos un grao (neste caso de lingua), pero o que realmente me da medo é que nunca ninguén nos ensinou a facer programacións. Polo tanto, antes de comezar o mestrado era unha das maiores intranquilidades que tiña (e sigo tendo), e paréceme adecuado que se trate nunha materia do mestrado. Porén, quizais eu lle outorgaría máis sesións, xa que hai moita información que asimilar.
Comezamos a aula cunha actividade de think, write, pair and share. É unha variación da que realizamos con anterioridade coa diferenza de que o tiñamos que escribir. Nesta situación, o tema era dúbidas que tivéramos sobre os requisitos do concurso de oposición. Organizámonos por grupos e, con respecto ao meu, as dúbidas foron as seguintes:
Con respecto aos cursos de formación continua, cantas horas
son necesarias en Galicia
Que valoran máis na programación didáctica
De onde sacas os temas
A continuación todos falamos das nosas dúbidas e o docente foinas resolvendo. Pareceume interesante xa que todos temos inquedanzas similares, pero houbo moita información de interese na que eu nunca pensaría que os meus compañeiros e compañeiras indicaron. Entre outras, falouse da puntuación que teñen os títulos oficiais de escolas de idiomas e os certificados, así coma dun grupo de facebook no que hai moitas actualización sobre cuestións relacionadas coa docencia. Moi interesante! Outro recurso de moito interese foi o seguinte:
Aquí pódense consultas as publicacións do tribunal de concurso-oposicións da Xunta de Galicia. En convocatoria, escollemos o ano e aparecen dúas letras ao final: P e S. Se escollemos a S aparecen as de Secundaria e coa P as de Primaria. Unha vez escollida a de secundaria (no noso caso), en corpo hai que escoller Profesores de ensino secundario (código 590), en especialidade a nosa (inglés é o código 011) e, por último, o tribunal que queiramos ver (cada ano en función da xente que se presente hai máis ou menos tribunais). Prememos en consultar información e temos moita información útil pero o mellor é que podemos ver os exames de anos anteriores e a súa corrección.
Neste tema temos á nosa disposición moitos documentos en Moovi (que penso gardar coma se fosen un tesouro para as oposicións) con información relevante. Un dos que máis me gustou foi a presentación en PDF coa que se introduciu a clase. Nesta presentación recibimos unha detallada explicación sobre como funciona o sistema de oposicións, algo moi interesante para moitos e moitas de nós nun futuro próximo. Por exemplo, concretamos os temarios que se estudan (sorprendeume que foran do 1993) e despois falóusenos da oposición por quenda libre, que é a que nos afectaría á maioría.
Dossier:
Con respecto á parte práctica do tema 6 realizamos unicamente a tarefa 2. Consiste nunha tarefa con dúas partes ben diferenciadas. A primeira é unha programación didáctica grupal para un 1º da ESO de lingua estranxeira. Nesta programación compartida, dividímonos en grupos de 2/3 persoas para repartir todos os apartados que non sexan as propias unidades didácticas. É dicir: introdución, obxectivos e a súa contribución ao desenvolvemento das competencias, metodoloxía, avaliación, medidas de atención á diversidade, concreción de elementos transversais, actividades complementarias e práctica docente. O meu grupo conformámolo Pablo García, Tais Rego e eu. E non o digo porque nos tocara a nós; tivemos que elaborar a parte máis difícil e unha das máis delicadas: avaliación.
Ao principio pareceume moi mala sorte porque esta parte é das que máis contido, reflexión e coherencia esixen. Porén, agora alégrome de ter feito esta parte porque xa pasei polo peor, e estou seguro que estar familiarizado coa avaliación, unha parte fundamental, vaime ser de axuda nun futuro. Ao fin, a avaliación está presente en todo momento, o profesorado ten que ser quen de xustificar TODAS as decisións tomadas a partir dela e estou certo de que é a parte que máis preocupa ao alumnado. De aí que o noso grupo tivo moita responsabilidade, pero soubemos xestionalo á perfección.
A nosa metodoloxía de traballo comezou cunha intensa labor de documentación o propio día 12. Buscamos diversas programacións e apuntamos as que nos pareceron máis pertinentes e mellor redactadas, para ter un modelo do que partir. Consideramos que non hai mellor documentación que programacións oficiais de institutos reais vixentes na actualidade. Despois, partimos da macroestrutura que nos deu Gonzalo na lección maxistral:
- Procedemento para a avaliación inicial
- Criterios de cualificación con indicación de grao mínimo de consecución para a superación e criterios de recuperación
- Procedemento de seguimento, recuperación e avaliación das materias pendentes.
En primeiro lugar, establecín o valor de cada trimestre nunha ponderación, e un baremo do peso da nota de cada un dos aspectos do currículo, xunto cos instrumentos de avaliación oportunos e os criterios de avaliación do Decreto 156/2022, que establece o currículo de bacharelato. Considerei axeitado o uso de táboas para comprimir a información dun xeito visual:
A continuación establecín os criterios de recuperación:
Despois, fixen unha táboa con todos os criterios de avaliación de cada bloque, acompañados dun grao mínimo de consecución redactado por min (na imaxe só poño uns poucos de exemplo):
Comentarios
Publicar un comentario